O Consello Consultivo de Galicia e a Fegamp reforzarán a formación dos concellos en transparencia e bo goberno
- Un convenio permite desenvolver accións formativas, divulgar boas prácticas e ofrecer ferramentas ao persoal das entidades locais
- Máis do 65 por cento das reclamacións á Comisión da Transparencia son contra denegacións de acceso á información pública no ámbito local
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2026.- O Consello Consultivo de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) apostan por deseñar e desenvolver formación en materia de transparencia e bo goberno para o persoal dos concellos galegos. Trátase de poñer a disposición das entidades locais un coñecemento práctico que facilite o seu traballo na xestión e resolución das solicitudes de acceso a información pública.
O presidente do Consello Consultivo de Galicia e comisionado da Transparencia, Andrés Lago, e polo presidente da FEGAMP, Alberto Varela, veñen de asinar un convenio marco de colaboración para impulsar actuacións formativas. Este acordo dá continuidade á liña de colaboración institucional abordada na reunión que ambas as entidades mantiveron o pasado 21 de xullo, que estivo centrada na análise de fórmulas de cooperación para axilizar os trámites de acceso á información pública.
Hai que ter en conta que, desde o pasado 1 de maio de 2026, a Comisión da Transparencia é un órgano colexiado independente adscrito ao Consello Consultivo de Galicia, ao que lle corresponde resolver as reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública que establece o artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na súa versión consolidada trala modificación da Lei 5/2025, de 23 de decembro.
Neste contexto, a Fegamp e o Consello Consultivo de Galicia coinciden na importancia de reforzar a cooperación para facilitar ás entidades locais a aplicación da normativa e a resolución das reclamacións sobre acceso a información pública e transparencia, así como para ofrecer orientación sobre os criterios e interpretacións nesta materia.
A transparencia, o acceso á información pública teñen unha especial relevancia no ámbito da Administración local, pola súa proximidade á cidadanía, segundo o presidente do Consello Consultivo de Galicia e da Comisión da Transparencia de Galicia.
Polo tanto, a formación e actualización de coñecementos resulta fundamental para garantir unha aplicación adecuada da normativa vixente na materia de transparencia e máis tendo en conta que máis do 65 por cento das reclamacións á Comisión da Transparencia son contra denegacións de acceso á información pública no ámbito das administracións locais. Trátase de poñer a disposición das entidades locais formación e asesoramento para facilitar o seu traballo na xestión e resolución das solicitudes de acceso.
PROPORCIONAR FERRAMENTAS PRÁCTICAS
O convenio agora asinado permitirá concretar esa colaboración mediante a organización de xornadas, cursos, seminarios e sesións informativas dirixidas ao persoal das entidades locais que desenvolve funcións relacionadas principalmente coa transparencia, o acceso á información pública e o bo goberno.
Tamén prevé o intercambio de coñecementos, experiencias e boas prácticas, o desenvolvemento de actividades de divulgación e sensibilización e a identificación das necesidades formativas dos concellos e deputacións para adaptar as actuacións ás súas demandas.
O obxectivo é proporcionar ao persoal das administracións locais ferramentas prácticas que faciliten a tramitación dos expedientes, o coñecemento da normativa aplicable e a aplicación de criterios comúns, contribuíndo así a mellorar a xestión administrativa e a garantir o efectivo exercicio do dereito de acceso á información pública.
VIXENCIA
O acordo terá unha vixencia inicial de catro anos e establece un marco estable de cooperación institucional, sen que a súa sinatura implique por si mesma compromisos económicos para ningunha das partes. Haberá unha comisión paritaria de seguimento, integrada por dous representantes de cada institución, que será a encargada de planificar as actividades, establecer os seus contidos e avaliar o desenvolvemento das actuacións de colaboración.